Vistas de página en total

jueves, 25 de octubre de 2012

Antón

Torres No Ar by Rodrigo Romaní on Grooveshark  

«O escritor pode ser a conciéncia dun povo que disfrute a plenitude das suas faculdades. Mas cando ese povo é sometido secularmente, cando anda atoutiñando para sair da escuridade é, ademáis da conciéncia, unha ascua de luz que se alcende no rescaldo ancestral onde as sinais próprias están limpas e se poden facer brillar diante dos ollos da memória, para revivir con ardentia o afán que o impulsa e xustifica. […]»
«Criación Literária e compromiso social»,
Barbanza. Especial "San Marcos 88"
Abril de 1988

«En poucas ocasións tivo Galiza voz própria no coro das voces do mundo. Tivo, acaso, a voz individual dos que clamaron no deserto: A voz de Xelmirez na Compostela meioeval que se escoitaba até o Império Xermánico, a voz de Pero Pardo de Cela que retombaba nas lindes de Castela; a voz de Cristobo Colón que retombou nas lindes do Oceano, a de Roi Xordo que fixo tremer os anaqueis, a voz de Rosalia que desfollou a sua rosa universal diante do mundo; a voz de Castelao que ainda soa no corazón dos povos decapitados como é o noso.
Por Galiza falou Castela, por Galiza falou Zamora, por Galiza falou España. Agora queren falar tamén outras xentes, outras nazóns, outras voces alleas. Nós seguimos mudos de cara a fóra e tatexos de cara a dentro.

Andan ca andrómena de querer facer-nos europeus dunha Europa comprimida e recortada e teñen que falar de nós os bascos, os cataláns, os andaluces ou os segovianos. Malpocada pátria miña que che queren tapar a boca para eles dicer o que ti sentes! Non saben que as raíces de Europa naceron do teu próprio ser; que a pedra labrada de Compostela ou a palabra florida da Cantiga de Amigo son o berce e o niño dunha Europa milenária que eles tratan de descobrir e reinventar. Non saben que Galiza é o camiño onde confluian os povos para se civilizar. As estrelas románicas brillan ainda no ceo e o camiño non está perdido: Do Ural a Fisterra hai un sustrato de povos sen voz que nos van acompañar no hino do futuro. Sérvios, croatas, búlgaros, ucrainos, fineses, lituanos, bretóns, sardos, occitanos e cen povos máis coa sua gorxa ceifada están rompendo as portas do coro para acomodar-se no lugar que lles corresponde. Polo de agora está-se a interpretar unha Opera Bufa.
Temos que ir a Europa, a unha Europa grande de povos redimidos, hoxe ou mañán por direito próprio. Sendo quen somos como nazón e como povo libre e soberano. O demáis é estar de pita cega, mentres nos bourean a paus e a zancadillas os xefes do concerto.
Menos mal que como dicia Castelao, mentres o pau vai e ven descansa o lombo.
Pero xa nos están doendo os cadris de andar abaixados. Desperta e morde. Despertade!

Non se oe nada. Realmente somos xordomudos. Aínda nos han de tirar os ollos.»
«Ter voz en Europa»,
Barbanza nº 32,
1ª-06-1989

Avilés de Taramancos

1 comentario:

  1. Galiza da pena, por non decir noxo.
    Galiza sumisa, por non decir escrava.
    Galiza pobre, por non decir miserable.
    Galiza explotada, por non ter dignidade.

    JU

    ResponderEliminar