Páginas vistas en total

viernes, 24 de octubre de 2014

ROSALÍA, SEMPRE!!


Aqués que ten fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronme en tiras.

Nin pedra deixaron en donde eu vivira;
sin lar, sen abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso coas lebres dormín nas campías;
meus fillos, ¡meus anxos! que tanto eu quería,
¡morreron, morreron, ca fame que tiñan!

Salvádeme ou xueces, berrei....¡Tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.

Entón, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño...¡Nen as herbas sentía!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas
dun golpe¡dun soio! deixeinos sen vida.
I ó lado contenta, senteime das vítimas
tranquila, esperando pola alba do día.