Vistas de página en total

martes, 14 de junio de 2011

Pranto por Urbano Lugrís , Antón Avilés de Taramancos

(como dicíamos onte, ali, na tasca de Avilés...)





Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódalas cráteres do mundo
de onde vai saír a túa voz de capitán antigo
bruando coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das caballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.

Estou inerme debaixo da besta apocalíptica
torcéndolle os testículos: son o profesta enfurecido
que non pode entende-la túa morte, a túa morte, a túa morte.

¿Quen vai coidar agora dos soños na fronteira da Patria?
Ouh, guardián terrible. Argonatura, Vello titiriteiro conmovido.
Esta noite zugo o viño máis ácedo. Esta noite cavo leguasprofundas de memoria pra camiñar contigo novamente,
agardo vixiante nas illas mais remotas a túa fragata,
a túa nave inconsútil.

Asisto cun ferro atravesado nas virillas
ó enterro da miña mocedade. E escoito
a treboada universal cando derruban a pirámide
e os cabalos das batallas pisan aqueloutrados
o noso tempo
onde a túa grande man de mariñeiro crepuscular
prendía os astros.

Asoballado por única vez, cun lobo famento nas arterias,
atravesas un país xiado
e cantas con voz rouca nos subterráneos boreais o teu amor
e un milleiro de defuntos apodrecidos pola ira
cóbrense entón de rosas e lembran o fulgor da súa terra.

Se non fora tan lonxe, ¡con que ardentía de compañeiro de catástrofe
tiña de calafatea-los teus ósos, coutando con barro elemental
esa longa ferida
que un deus sen pálpebras furou na túa illarga!

Era-la derradeira esperanza do mundo. Pastor de naves,
cun corazón multicolor de tirreme fenicia
amába-la rota fundamental dos exploradores celestes
e intimamente andabas
polos tellados vestido de astronauta galego.

¡Meu amigo sobrenatural!

Hoxe desexo, tanto coma Ulises, atopar unha barca que me leve
ás costas de Galicia. Son prisioneiro dunha forza estraña.
Navegamos a cegas por ríos diferentes
e o noso canto retumba nos confíns da saudade,
os dous loitamos con yatagáns de aceiro contra o tempo,

o teu xa tan preciso, o meu tan vago, fuxidío
que me acoitela en tódolos recantos.

¡E esa dor e non verte, meu amigo!



Astor Piazzola - Roberto Goyeneche - Tristeza en un doble A








8 comentarios:

  1. PRECIOSO....MARAVILLOSO...

    ResponderEliminar
  2. Ai amigos! que gusto poder compartir esta intensidade poética con vós.

    ResponderEliminar
  3. SI.A poesía, a música, a gastronomía, a alegría,a pintura, a escritura, as nubes, a luz azul da tardeeee....

    ResponderEliminar
  4. os verdes das augas dos ríos....que van a dar a la mar , QUE ES EL MORIR, a empanada de bacalao, as cervexas, as risas, os prantos...

    ResponderEliminar
  5. Avilés é impresionante. A súa linguaxe poética estremece. Poñédeme ao día desa homenaxe porque me encantaría poder colaborar dalgunha forma.

    ResponderEliminar
  6. Contacte con Ju, damisela. Eu estou noutra dimensión

    ResponderEliminar
  7. Ola...gracias por refrescar os ollos e aloumiñar os sentidos con estas verbas tan ben compostas.
    Todo está no ar, como as torres, que dicia naquel poema o bardo de Taramancos e falei con Luis A. o sábado acerca da idea de poemizar as mesas e gustoulle...alguén terá que facelo, buscanse voluntari@s e xa de paso Lugriseamos algunha parede Urbana ou Tasquiana. Algo faremos. JU

    ResponderEliminar