Vistas de página en total

viernes, 2 de diciembre de 2011

A PEDRA DO LOBO




REPORTAJE: Luces

Imaxes en colisión

O cineasta Alberte Pagán estréase na ficción coa "áspera" 'A Pedra do Lobo'

DANIEL SALGADO 02/12/2011



A Pedra do Lobo nace en Andy Warhol. Ou das pescudas, en libro e coa cámara, que o cineasta Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) leva anos realizando no cinema do pintor das latas de sopas Campbell. "Na raíz do filme están tres escenas rodadas con anterioridade e directamente xurdidas de Retrato, Kiss e Sleep que comezaron como un xogo", explica o director sobre o que el mesmo denomina o seu primeiro filme de ficción. Extraer de elementos experimentais a posibilidade dunha narración foi o reto que se marcou Pagán para chegar ao que definiu, na estrea d'A Pedra do Lobo no festival Cineuropa de Santiago, como "unha película terrosa, sucia, chea de vermes, xermes e virus, unha película crúa, visceral, áspera".

La noticia en otros webs

"É unha película terrosa, sucia, chea de vermes, xermes e virus", di o director

Pagán: "É o meu filme que máis se achega a contar unha historia"

A obra nace de xogar cos filmes de Andy Warhol como 'Sleep' ou 'Kiss'

A música de Urro e de Legido e Pablo Sax está en primeiro plano

"A miña idea era non filmar para ilustrar unha historia, senón gravar escenas autónomas e que ao xuntalas emerxese outra historia diferente", expón, "nese sentido, pódese falar dun filme de montaxe". Dezaoito horas de secuencias improvisadas conforman o tecido dun filme constituído finalmente en case dúas horas de duración e que explora as relacións de parellas e as cicatrices da emigración. E faino ao tempo que revela as historias das propias imaxes. "Hai imaxes realistas, outras míticas, outras oníricas", afirma dunha obra da que non se considera único autor: os intérpretes Susi Somoza, Amaro Ferreiroa, el mesmo, os seus irmáns Carlos e Gonzalo Pagán, Pablo Sax, L.A.R. Legido e Míqui Resua comparten co cineasta a factura e o concepto d'A Pedra do Lobo.

Os materiais do filme foron recollidos en Panamá, Malta e Galicia. A canda eles crúzanse unha serie voces que contan historias, bosquexos de historias, pensamentos. Entre esas cinzas de relato cóase o dun emigrante a Panamá, o que máis tempo de metraxe consome. "Vas collendo todos os elementos e ao montalos adquiren unha coherencia que de entrada non sospeitabas", conta Alberte Pagán dun filme en que as correspondencias e colisións entre eses elementos resultan sempre inauditas, non agardadas, ao xeito do último Godard. O propio cineasta admite, a este respecto, sentirse "máis cómodo como montador que filmando". E, sen asomo ningún de epatar, resume as súas intencións: "A Pedra do Lobo é o meu filme máis asequíbel; non comercial, porque o comercio e eu non nos levamos moi ben, pero si o que máis preto se atopa de contar unha historia".

En Bs. As. (2006), premio de cinema ensaio Román Gubern, Pagán reformulaba a película de correspondencia e suturaba o exilio económico no traballo que o deu a coñecer nos circuítos cinematográficos máis arriscados da Península. Con Tanyaradzwa (2008) retrataba, en seis horas proxectadas simultaneamente en dúas pantallas, a "vida, opinións e circunstancias" dunha muller de Zimbabue. Pero, que singulariza A Pedra do Lobo nunha traxectoria prolífica en que abunda a operación coas imaxes do real? "É o meu primeiro filme de ficción", responde, "se por ficción entendemos dúas persoas diante dunha cámara e ti dis 'fai isto' ou 'fai o outro". Todo filme é un documental da súa propia rodaxe, adoita citar Víctor Erice a Rosellini e niso concorda Pagán: "Na ficción podes repetir unha escena para mellorala, pero eu prefiro a imperfección, os defectos; moitos planos aos que se lle chama ficción non o son". O exemplo que coloca é contundente: "Un lume ardendo é sempre un lume, non lle podes dicir que se poña aquí ou que se poña alí".

No título d'A Pedra do Lobo ecoa Ingmar Bergman. Non é casualidade. "Eu lembraba un plano d'A hora do lobo [o filme de Bergman de 1968] en que aparecía un reloxo e marcaba o paso dun minuto", di, "na miña memoria, ese plano duraba un minuto. Revisei a película hai pouco e só duraba uns segundos. No meu traballo permítinme emendar a plana a Bergman". Iso si, non todo son coincidencias co cineasta sueco: "A pedra é espacial, o lobo é temporal, un ser vivo". E A Pedra do Lobo tamén é un topónimo, o lugar físico onde acontece a trama da ficción de Pagán.

Con Warhol, a quen o director do Carballiño dedicou o libro A mirada impasíbel e sobre o que a comezos de 2012 publicará A mirada inqueda (Positivas, 2007), outra das fontes das que bebe o filme, tamén responde a unha obsesión de vello do cineasta. O Finnegans Wake de James Joyce, que o propio Alberte Pagán estudou na monografía A voz do trevón (Laiovento, 2000) e traduciu ao galego nunha versión maiormente inédita, latexa nos encadres e no espírito d'A Pedra do Lobo. "Na duplicidade dos personaxes, por exemplo", engade, "pero na película hai moitos fíos e, segundo do que tires, fala dunha cousa ou doutra". O cinema da escritora Marguerite Duras e Jacquie Raynald, ao fondo.

No plástico hermetismo que domina a metraxe, a música, como en ningunha outra peza da súa filmografía, adquire primeiro plano. A improvisación feroz, violenta, do trío pontevedrés Urro -saxo, guitarra e batería- e o jazz libre de Luís Alberto Legido e Pablo Sax -que contra o final aparecen en pantalla- baten coas imaxes. "Todo arrinca dunha proxección de Eclipse metanoico con Urro tocando en directo", recorda. Naquela sesión no centro social okupado das Atochas, na Coruña, a Pagán prestoulle como o son se despregaba autonomamente sobre unha proxección en que a mecánica analóxica da cámara xogaba con imaxes que mesmo se volvían abstractas. "Seguín esa inercia e n'A Pedra do Lobo procurei continuar con esa pequena investigación da música", xustifica, "pero, como a Luis Buñuel, non me gusta a música nos filmes, unicamente a que está dentro das imaxes; con Urro é diferente, porque a súa música, estridente e radical, mal pode adornar ningunha imaxe".

A Pedra do Lobo, ademais da primeira ficción de Pagán, é tamén pioneira, dentro do seu traballo, no financiamento. Nunca antes contara con orzamento achegado dende o exterior. Dezaoito mil euros dunha das denominadas axudas ao talento da Axencia Galega das Industrias Culturais sufragaron o filme. "Só influíu en que me tiven que apurar", especula divertido, "se non tivese que entregar unha copia da obra, se cadra tardaría máis e ao mellor a duración chegaría ás catro horas".

Mais Pagán non para. Logo desta incursión, xa rematou Outrasvozes, que recolle fragmentos de militantes internacionalistas -saharahuis, palestinos, colombianos- que pasaron polos antigos Comites de Solidariedade de Santiago, e A quem se lhe conte, unha montaxe con imaxes gravadas nos días do naufraxio do Prestige e as protestas cidadás derivadas.

El País, Hoxe.

3 comentarios:

  1. Parabéns!
    Xa o dixen moitas veces e o repito aquí: encantoume a peli.
    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Eu só vin cando se estaba forneando e prometía. Parabéns ó artista, a actriz e ós músicos.Dra. Can Caus

    ResponderEliminar
  3. SU SE SAE (que bonito palabro "susesae"). Incríble a actriz que levaba dentro e nós sen sabelo.
    A música e os músicos, fantásticos tamén. Xa sei que estou moi pesada, pero quedei prendada con este traballo.

    ResponderEliminar